12 de feb. de 2016

LIBROTEA

No diario EL PAÍS do 7 de febreiro podemos ler a nova do nacemento de LIBROTEA, “un espazo online que permite aos lectores compartir as súas recomendacións literarias, así como coñecer as de escritores, críticos literarios, ensaístas, blogueros e outros.

Librotea reivindica a figura de la libreira como recomendadora de libros, algo que co auxe das novas tecnoloxías e os novos hábitos de consumo estase a perder. Din que Librotea ten voz de muller, porque as mulleres len máis que os homes,...”

Se esta nova espertou o teu interese, mellor será que pinches no seguinte enlace para entrar directamente en: LIBROTEA

28 de xan. de 2016

CIENCIA EN MOVEMENTO

O pasado 20 de xaneiro, BIBLIOTURONIA encheuse de moitos e variados obxectos. Os andeis foron desprazados, as mesas, engalanadas e reordenadas, deron cabida a todo tipo de trebellos, que coas oportunas explicacións achegábannos ao mundo da ciencia.
Ciencia en movemento chamábase a exposición e tódolos grupos de 3º do Instituto pasaron por alí e abofé que saíron moi sabidos e contentos. 





 

20 de dec. de 2015

NO NADAL ... UN LIBRO.

Pincha aquí e verás as recomendacións  para este Nadal de Biblioturonia.


Deixounos Xosé Neira Vilas

Deixounos Xosé Neira Vilas


Pepe Neira deixounos o pasado sábado, de mañanciña, en silencio, sen barullo, paseniñamente, pero quedan con nós Balbino, o Moncho, Lelo, Tomás, o Espantallo amigo, o Tío Ramón de Reborneda (anque moi velliño e non ten a ninguén, ten centos de amigos que lle queren ben)... Toda unha familia de personaxes, para nenos e grandes que levaban unha parte de como foi el: un tipo de aldea dacabalo coa universalidade, próximo, afable, amigable, sinxelo, agarimoso, rebelde, inconformista... aínda que el negaba a súa condición de “escritor”, o último gran mito das letras galegas.
Memorias dun neno labrego.
Xosé Neira Vilas escribiu as Memorias dun neno labrego en 1960 e publicounas por primeira vez na editorial que, xunto coa súa dona, Anisia Miranda, fundaran tres anos antes en Bos Aires: Follas Novas.
Logo chegarían outras moitas edicións, a venda de máis de 700 mil exemplares en galego, a tradución a case vinte idiomas (portugués, castelán, alemán, chinés, inglés, ruso, italiano, checo, francés,...), as adaptacións para o teatro, os audiolibros, as lecturas colectivas, as homenaxes... Avatares que converten as Memorias no libro galego de referencia no século XX: o máis vendido, o máis traducido e, sobre todo, o máis lido.
Memorias dun neno labrego conta as aventuras de Balbino (Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre). Balbino ten doce ou trece anos, vive en Gres nos anos corenta do século XX, e desde alí conta en primeira persoa como é a súa vida, como ten que sobrevivir á pobreza, ás inxustizas, á falta de futuro... ao feito de ser galego.
Aínda que en diferentes ocasións declarou que as memorias non son autobiográficas, si son produto da memoria de Neira Vilas e do que sempre foi, un rapazolo, pobre, que pasou os seus primeiros anos en Gres, no corazón de Galicia.


3 de nov. de 2015

MÁIS LIBROS PARA ATREVERSE !!!


Aquí tendes as últimas adquisicións de Biblioturonia. Búscaas na biblio nos andeis de NOVIDADES e atrévete con calquera deles. 





 

25 de out. de 2015

ACTIVIDADE DE RISCO


PRESENTACIÓN BIBLIOTURONIA

O profe Nacho ven de actualizar a presentación onde explica o funcionamento de Biblioturonia: como está organizada, como podemos saber onde está un libro, como consultar os fondos a través de Internet mediante Meiga,....Todo está alí.

Aquí tendes o enlace.

http://www.edu.xunta.es/centros/iesterradeturonio/system/files/presentacionBiblioFinal.pdf

24 DE OUTUBRO DÍA DA BIBLIOTECA

Co novo curso xa lanzado e con motivo do Día da Biblioteca, propoñemos dende Biblioturonia unha campaña de achegamento da nosa biblioteca ás familias.

Baixo o lema achega a biblioteca á túa casa, o alumnado pode levar en préstamo un libro para calquera da casa.

Procedemento:
  1. Levas o libro ao teu nome.
  2. Faste responsable del.
  3. Dásllo á persoa elixida.
  4. Tráelo de volta no prazo.

Podedes sorprendelos levándolle un título que pensas que será do seu agrado ou tamén podedes consultar os fondos existentes a través do programa Meiga na Internet.

Como ?

Pois o profe Nacho púxonolo ben doado: entrade no seguinte enlace da páxina web do instituto, 

http://www.edu.xunta.es/centros/iesterradeturonio/system/files/presentacionBiblioFinal.pdf

Nesta presentación  acerca do funcionamento da nosa biblioteca, hai un apartado adicado ao programa Meiga e alí está todo moi claro.




9 de xuño de 2015

Romeo y Julieta

Pois desta, un grupo de primeiro da ESO, animad@s pola súa profesora de L. Castelá, Yolanda, atrevéronse cun clásico: Romeo y Julieta de William Shakespeare, eso si, en versión adaptada. Comezaron por falar do xénero teatral: que sabían del, se foran algunha vez a unha representación, si participaran nalgunha función escolar....A partires de aí fixouse unha data para dar conta da lectura e poder así facer outras actividades. Por grupos de tres, fixeron listas cos personaxes do drama separados en bandos,analizaron a estrutura dramática en actos e escenas, viron e comentaron outras adaptacións: contos, películas,.... Pero o que máis lles gustou foi a representación de escenas seleccionadas por eles mesmos, ás veces coa participación de máis dun grupo si o número de personaxes así o requiría. 

Algo de vestiario e de atrezzo axudou a crear o ambiente adecuado.

2 de xuño de 2015

Lendo e vendo... Billy Elliot con 1º ESO

As/Os devoralibros de 1ºB
   O club de lectura "Literatura e cine" segue dando os seus froitos. Este curso tocou comparar varias escenas da famosa película de Billy Elliot coa novela.
   A lectura colectiva da obra literaria serviu para profundar en aspectos como:
  • A coeducación: deben ser as clases de danza só para rapazas e as de boxeo para rapaces? Desta reflexión saíu unha clase sobre o sexismo na linguaxe, unha redacción titulada Máis alá do azul e o rosa e un obradoiro de Contos de fadas ó revés (para destapar os estereotipos de xénero).
  • Os dereitos de traballadores e traballadoras e a súa reivindicación nas folgas.
  • A necesidade de ser capaz de mostrar a emocións ou sentimentos: educación emocional.
  • Os problemas de saúde na terceira idade (en relación ós olvidos da avoa de Billy) e o respecto ós maiores e a necesidade de aprender das súas experiencias: en relación a isto cada alumno/a realizou un texto titulado: Homenaxe ó meu avó/avoa.
  • A homosexualidade e a súa aceptación social. A redacción resultante titulouse: Este corpo non é o meu! Nela o alumnado imaxinaba como cambiaría a súa vida sendo rapaz ou rapaza.
   Tamén fixemos outros exercicios escritos inspirados pola lectura da obra como:
  • Carta ó meu futuro fillo/a (baseada na que a nai de Billy lle deixou)
  • Soliloquio paterno/materno (inspirada polos pensamentos do pai de Billy)
  • Aquelas marabillosas clases (imitando a descrición de na novela se fai das clases de ballet y de boxeo). 
Os/as libroadictos de 1ºC
   Todas estas creacións resultan interesantes como exercicios de escritura creativa que imitan as técnicas literarias empregadas na novela pero que recrean os interesantes universos vitais dos nosos alumnas e alumnas. A pretensión con estas tarefas é a de desenvolver a súa imaxinación e mellorar tanto a súa ortografía como expresión escrita en xeral. En breve mostraremos 
neste blog algúns dos traballos.