27 de xuño de 2018

Cambios na biblioteca: limpeza, expurgo e creación dun apartado de libros sobre a muller.

      Ó longo do curso levamos a cabo unha serie de cambios no espazo da biblioteca. 

        Un deles foi a creación dun espazo dedicado ós libros sobre a muller ó que lle puxemos o número 308. 

   
     Alí se poden atopar dende ensaios de historia sobre a vida privada da humanidade ata novelas que teñen como tema a reivindicación dos dereitos das mulleres ata outros libros sobre feminismo ou biografías de mulleres silenciadas (ou non) pola historia. Tamén atopamos cómic, novela gráfica, relatos tradicionais modernizados, mini-biografías ilustradas, novelas de terror con heroínas fortes e decididas, compendios de mulleres científicas, manuais sobre feminismo... etc.
  Ademais fixemos "limpeza" de libros vellos ou nada relacionados cos intereses dos/as nosos/as usuarios. Con estes exemplares montamos unha especie de exposición na entrada do centro con carteis que indicaban que calquera persoa interesada neles podía levalos libremente. 

     Finalmente, decidimos realizar unha exposición temática con novelas históricas relacionadas con diferentes épocas como a II Guerra Mundial o século XVII ou o Renacemento para  fomentar a súa lectura entre a comunidade educativa.

25 de xuño de 2018

Lecturas virtuais e novela gráfica coa novela: Cinco panes de cebada, de Lucía Baquedano

     No Mini-Club "Lecturas Virtuais" decidimos ler unha novela algo antiga, Cinco panes de cebada, de Lucía Baquedano, precisamente por iso: porque reflectía uns tempos que xa pasaron pero con problemas que aínda existen. 
      Aqueles tempos nos que había vilas ailladas dedicadas á agricultura onde o traballo estaba por riba do estudo porque a supervivencia das familias era o máis importante.

        Hoxe en día, posiblemente, non teñamos tantas vilas ailladas nin se viva tanto da agricultura pero a desmotivación polo estudo aínda a atopamos nas aulas. Do mesmo modo, a loita de Muriel, a mestra protagonista da novela, por mellorar a súa escola pervive en moitos e moitas docentes. 

        Como se pode deducir do título a escritora introduciu unha mensaxe "relixiosa". Sen embargo, eses fragmentos poderían entenderse de outro xeito "non relixioso" senón centrados na difusión de outro tipo de mensaxe máis relacionado co goce do momento ou de saber valorar as pequenas cousas que a vida nos ofrece, ou o disfrute da natureza, das persoas que nos rodean, de todo o positivo que sempre está ó noso redor se temos a mente preparada para observalo... 

     Todas estas ensinanzas están na novela. Supoño que estarás de acordo conmigo se che digo que non teñen por que relacionarse nin co catolicismo nin co budismo senón ou outra relixión calquera senón con unha filosofía de vida enfocada a vivir e valorar o presente.

        Despois de reflexionar sobre todos estes aspectos na páxina que creamos en Facebook o alumnado que leu a novela encargouse de transformala nunha novela gráfica. Cada alumno/a encargouse de un capítulo. As imaxes que acompañan a este texto son fragmentos dela. Esperamos que sexan do voso agrado! 





Contos de fadas modernizados no noso Mini-Club de Lectura "Coas gafas violeta"

     

        No noso Mini-Club de Lectura "Coas gafas violeta" 
tivemos ocasión de crear un espazo para reunirnos, onde falar das nosas inquedanzas sobre a igualdade de xénero... 


        Creamos un espazo onde puidemos plasmar os resultados das nosas reflexións, un espazo tamén onde difundir todas estas ideas sobre a igualdade entre xéneros entre as nosas compañeiras e compañeiros do centro.


        Neste Club de lectura traballamos algúns textos que resultaron ser do noso interese: 

- Idiotizadas, de Raquel Córcoles (o primeiro capítulo, apto para menores) e 

- Cuentos clásicos feministas, de Ángela Vallvey.


         Grazas á lectura destes libros, puidemos entender dun xeito sinxelo os estereotipos sexistas que aínda nos rodean e que, por exemplo, os contos de fadas tradicionais reproducen. Por este motivo decidimos volver a escribilos pero dun xeito máis moderno.



     O resultado foi moi bo: deixamos voar a nosa imaxinación e saíron heroínas "empoderadas" capaces de defender os seus dereitos e non se amoldan ó rol de princesa sumisa e fermosa que busca a dependencia e o matrimonio por encima de todo. 

      Velaquí algunhas das nosas creacións: