29 de maio de 2011

ENIGMA 9

Todos os enigmas se van resolvendo. Xa so nos quedan 6.

TESEO E O LABERINTO DE CRETA


Teseo serviuse dun fío para non perderse no labirinto e poder matar ao Minotauro, que como sabedes era un monstro con cabeza de touro e corpo de home e polo tanto tiña cornos, aínda que non tan grandes coma os do alce que matara Buck en “A chamada da selva”. Así que entre fíos e non fíos e cornos, anda a cousa.

26 de maio de 2011

ENIGMA 8

EDIPO E O ENIGMA DA ESFINXE

A Esfinxe era un monstro colosal con cabeza e torso de muller, patas de león, cola de serpe e enormes ás de aguia. Colocábase nun desfiladeiro do camiño de Tebas polo que a forza tiñan que pasar todos aqueles que ían visitar a cidade. No noso Instituto eu ben sei onde se colocaría a Esfinxe si quixera controlar a todos aqueles que pasean dándolle voltas.

ENIGMA 7

HÉRCULES E A HIDRA DE LERMA

Moitas veces salvou Hércules ao mundo dun serio perigo. Por exemplo ao acabar coa hidra do pantano de Lerna, que tiña 50 cabezas e un alento tan velenoso que secaba as colleitas e mataba a todo aquel que o respiraba. Ata 12 traballos deste tipo realizou Hércules.

Pero para nós, o número 12 ten un significado ben distinto. Ás 12 h. saímos ao recreo, e no recreo o que case todo o mundo fai...

24 de maio de 2011

ENIGMA 6

Parece que nos animamos. Todos os enigmas están resoltos agás o 3: Deucalión e Pirra. Que pedras serán esas...

A CAIXA DE PANDORA

Pandora non puido conter a súa curiosidade e abriu a caixa de ouro que lle dera Zeus, e ao facelo ceibou todas as desgracias que hoxe coñecemos.



No Instituto temos moitas caixas, grandes e pequenas, accesibles e inaccesibles. Ningunha de ouro pero tampouco ningunha encerra nada indesexable...

ENIGMA 5

O DESAFÍO DE ARACNE

Aracne era a mellor tecedora do reino de Lidia, famoso polos seus tecidos e pigmentos. Tan boa era que chegou a proclamar que era mellor que Atenea, deusa das fiandeiras e bordadoras.

Cando chegou aos ouvidos de Atenea tal cousa, retou a Aracne para ver quen tecía a tea máis fermosa. Atenea fixo un tapiz de seda e Aracne un velo de liño. O velo de liño era mellor e ademais insultaba cos seus dibuxos aos deuses.

Atenea, morta de envexa, transformou a Aracne nun animal que hoxe chamamos araña, e condenouna a tecer durante toda a súa vida e a alimentarse dos insectos que cazaba na súa tea.

22 de maio de 2011

ENIGMA 4

O RAPTO DE EUROPA


O máis poderoso dos deuses, Zeus, quedou fascinado pola beleza dunha moza chamada Europa. Para gañarse a confianza da muller, Zeus transformouse nun touro, raptou a Europa e levouna vivir a unha illa chamada Creta.


Pero que saibades que Zeus, ademais dun deus foi tamén unha afamada marca de bicicletas.

19 de maio de 2011

ENIGMA 3

DEUCALIÓN E PIRRA


Deucalión e Pirra crearon a segunda humanidade lanzando ás súas costas pedras das que nacían persoas. Se tivesen estado cos animais da “Revolta dos animais”, atoparían moito material para este labor alí onde construían o muíño. Quen sabe, ao mellor os porcos chegaban a un acordo con eles a pesar de seren humanos.

Dende logo si Deucalión e Pirra querían crear mulleres e homes grandes, por aquí cerca haberían atopar as pedras axeitadas.




A resolución do enigma 1 parece que se resiste. Seguimos co enigma 3.

ENIGMA 2

APOLO E DAFNE



Apolo burlouse do pequeno Eros (deus do amor) e do aínda máis cativo arco co que disparaba as súas frechas.

Eros, para vingarse, serviuse da arma que mellor coñecía: o amor.

Lanzou dúas frechas unha de ouro a Apolo para namoralo e a outra de ferro a Dafne para provocarlle o desamor.

En realidade as frechas serven para moitas cousas, por exemplo os yeehats as utilizaban para cazar e defenderse como puido comprobar Buck antes de converterse definitivamente en animal salvaxe.




O enigma 2 foi resolto deseguida por Susana. Non deu tempo nin a publicalo neste blog.