20 de dec. de 2015

NO NADAL ... UN LIBRO.

Pincha aquí e verás as recomendacións  para este Nadal de Biblioturonia.


Deixounos Xosé Neira Vilas

Deixounos Xosé Neira Vilas


Pepe Neira deixounos o pasado sábado, de mañanciña, en silencio, sen barullo, paseniñamente, pero quedan con nós Balbino, o Moncho, Lelo, Tomás, o Espantallo amigo, o Tío Ramón de Reborneda (anque moi velliño e non ten a ninguén, ten centos de amigos que lle queren ben)... Toda unha familia de personaxes, para nenos e grandes que levaban unha parte de como foi el: un tipo de aldea dacabalo coa universalidade, próximo, afable, amigable, sinxelo, agarimoso, rebelde, inconformista... aínda que el negaba a súa condición de “escritor”, o último gran mito das letras galegas.
Memorias dun neno labrego.
Xosé Neira Vilas escribiu as Memorias dun neno labrego en 1960 e publicounas por primeira vez na editorial que, xunto coa súa dona, Anisia Miranda, fundaran tres anos antes en Bos Aires: Follas Novas.
Logo chegarían outras moitas edicións, a venda de máis de 700 mil exemplares en galego, a tradución a case vinte idiomas (portugués, castelán, alemán, chinés, inglés, ruso, italiano, checo, francés,...), as adaptacións para o teatro, os audiolibros, as lecturas colectivas, as homenaxes... Avatares que converten as Memorias no libro galego de referencia no século XX: o máis vendido, o máis traducido e, sobre todo, o máis lido.
Memorias dun neno labrego conta as aventuras de Balbino (Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre). Balbino ten doce ou trece anos, vive en Gres nos anos corenta do século XX, e desde alí conta en primeira persoa como é a súa vida, como ten que sobrevivir á pobreza, ás inxustizas, á falta de futuro... ao feito de ser galego.
Aínda que en diferentes ocasións declarou que as memorias non son autobiográficas, si son produto da memoria de Neira Vilas e do que sempre foi, un rapazolo, pobre, que pasou os seus primeiros anos en Gres, no corazón de Galicia.